ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

04/03/18

Corredora

Comentario de Noelia Ferreiro



Corredora
María Reimóndez
Xerais
 
 
 
A autora deste libro é María Reimóndez. É coñecida por ser escritora, feminista e doutora en tradución e interpretación española. Cultiva a narrativa, lírica, teatro e o ensaio.

Corredora recolle a tradición atlética de Etiopía na busca activa de talentos entre crianzas do rural ou empobrecidas nas cidades.
Esta novela conta a historia dunha rapaza chamada Genet. Ela naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Dende moi cativa gustáballe correr polo ventre da montaña sentindo como só estaba ela , a terra o aire e o seu corpo.
A fame obrigou a súa nai e mais a ela a marchar da aldea cara á cidade. A súa nai comezou a traballar para unha muller, a cambio dun teito baixo o cal durmir e algo de comida para levar a boca ela e a súa filla. Pouco era o que lle pagaba a señora á súa nai , polo que Genet tiña que ir polas rúas da cidade vendendo panos e gomas de mascar para conseguir algo máis de diñeiro. Foi así como coñeceu a Adebe, un adestrador de atletismo que tamén era médico. Genet fíxose pasar por rapaz, dicindo que o seu nome era Solomon.
Adebe comezou a adestrala, e preparouna para a súa primeira carreira, a cal era da categoría masculina. Ela gañou a carreira.
No momento en que Adebe descubriu que era unha moza, cambiouna para o grupo de rapazas. Genet continuou esforzándose , ela quería superarse a si mesma. Adebe animábaa dicíndolle que ía chegar lonxe, e de feito chegou.
Tras moitas vitorias, Genet foi para o equipo da selección. Alí coñeceu a Tamiru, un mozo co cal comeza unha amizade. El fora o rapaz ao que adiantara na primeira carreira que gañara.
Genet segue superándose a si mesma, gañado carreira tras carreira, e se non quedaba primeira, era segunda ou terceira, mais ela tiña o seu posto no podio.
Grazas ao seu esforzo chegou ao equipo olímpico. Nestes xogos de Londres gaña a maratón, e aí entende que levantarse e  correr, e non renderse nunca, foi o que aprendeu no camiño daquela montaña da súa terra.

Cómpre indicar, que na novela tamén se fala da situación das mulleres e das nenas de Etiopía. Mencionase o matrimonio por rapto, no cal homes tomaban a mozas pola forza, acto que viña seguido do obrigado matrimonio. Tamén se fala de como mulleres , por conseguir algo que lle dar aos seu fillos, se teñen que someter a accións totalmente denigrantes, como manter relacións sexuais sen desexalo. Ademais, nesta historia tamén se reflexa a violencia de xénero, en concreto o maltrato psicolóxico, onde o pai de Genet ameaza a súa nai con vender a filla. O motivo desta ameaza era que ela non lle permitía que lle puxera a man enriba. 

Finalmente , este libro pareceume moi interesante xa que conta unha historia que ensina que superándose constantemente podes chegar moi lonxe.  Ademais, a autora mostra a actitude dunha nai que fai o posible por protexer a súa filla, e que mostra unha postura forte contra un home que nunca lograría asoballala.
 

Sen comentarios