ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

26/03/17

O corazón de Xúpiter

Comentario de Miguel Lamazares


O corazón de Xúpiter
Ledicia Costas
Xerais
 
 
 
Este marabilloso libro encantoume, pero ao mesmo tempo deume moita pena, cando o rematei foi coma unha situación moi agridoce xa que pareceume moi forte o final. É un claro exemplo de que os finais non sempre rematan ben. 
Pareceume un libro moi completo xa que cita temas moi importantes como o bullyng, a homosexualidade ou o simple feito de que non se pode confiar en descoñecidos a través da rede. Encantoume a forma que ten Ledicia Costas de escribir, xa que buscou todas as formas de facelo o máis interesante posible. 
A historia de Isla pareceume moi triste xa que ao ser unha nena da nosa idade sínteste moi identificado co personaxe e recreas a historia na túa mente.
 En resume, un libro é moi bo pero na miña opinión cun final demasiado triste.

25/03/17

Os nenos da varíola

Comentario de Noa Villar Gallego


Os nenos da varíola
María Solar
Galaxia






Desta volta achegámonos a unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes, pero que o foron. Nin eles, nin a reitora do hospicio no que se atopaban, podían imaxinar de que maneira lles cambiaría a vida a chegada do doutor Balmis e a súa expedición médica.
Nesta novela, vinte e dous orfos conformarán unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina contra a varíola a América. Os nenos da varíola é unha estupenda lectura que trata de homenaxear aos 22 pequenos protagonistas que fixeron posible a erradicación dunha enfermidade tan grave coma o era a varíola; un suceso moi importante para a humanidade, pero que tamén é moi pouco coñecido hoxe en día. Nesta historia hai que resaltar a personaxe feminina, Isabel Zendal, a reitora do hospicio, ela é a viva imaxe dunha  loitadora; unha muller forte e segura, que a pesar de todas as dificultades que ten que asumir polo simple feito de ser muller, e máis naquela época, logra chegar a ser un papel fundamental na expedición.
Baseada nun feito real, amósanos a miseria que se vivía no século XIX, a dedicación e a entrega que algunhas persoas teñen para seren capaces de renunciar a practicamente todo só para poder permitir o avance da ciencia, tamén nos mostra a forza da amizade, o valor do amor entre unha nai e un fillo, e a importancia da esperanza á hora de afrontar un reto.
En definitiva, esta é unha novela que te fará viaxar a comezos do século XIX, cunha linguaxe sinxela e atractiva, cunhas personaxes cheas de autenticidade e de vida,  cun estilo propio que che fai meterte ben de cheo na narración, e cunha historia que vale a pena coñecer.


24/03/17

Made in Galiza

Comentario de Marcos Quintana Cuñarro

 
Made in Galiza
Séchu Sende
Galaxia
 
 
 
Made in Galiza escrito por Séchu Sende, vai narrando mediante breves relatos os problemas que hai hoxe en día coa lingua galega. Séchu Sende narra con moita retranca, lémbrome dun capítulo chamado “Madrith” que conta como sería o caso ao revés, se en España o castelán fose substituído por outra lingua e quedase mal visto a partir de agora en diante falar o castelán, el cóntao con retranca pero, en pleno século XXI, é o que está pasando en Galiza, pasa que o galego está mal visto, que es máis “guai” se falas castelán, que o galego é para a xente de aldea, que segundo os prexuízos do castelán somos paletos, non sabemos cultura e que somos brutos como arados.
Con este comentario que estou facendo non quero dicir que os falantes en castelán corten pola raíz co castelán, quero dicir, que usen a cabeciña un pouco e que pensen que se seguimos así a lingua galega vai desaparecer. Desaparecerá unha lingua que foi falada polos nosos avós e avoas, bisavós e bisavoas, que foi falada polos nosos devanceiros. Eu fíxome nas escolas e institutos que estudo, que a maioría dos mestres e mestras falan castelán, como queren saír desta crise do galego, se desde pequenos nos imparten unha educación en castelán?

Gustoume moito o libro a pesar de que me doia escoitar as verdades que di, verdades que se seguen así van cumprirse e que finalmente farán desaparecer o galego.

23/03/17

Amor é unha palabra coma outra calquera

Comentario de Lara Verde Iglesias



Amor é unha palabra coma outra calquera
Francisco Castro
Galaxia





Amor é una palabra como outra calquera é un libro onde aprendes, pódese dicir que ten unha ensinanza. Como o seu título indica, comprendes o verdadeiro significado do amor, e non o que nos vende esta sociedade.
Ensínanos que o amor non pode ser planeado e moito menos creado para a comodidade dun só participante da parella. Debemos pensar en nós mesmos, e despois no que é a parella, é dicir, non precisamos unha media laranxa, nós xa somos unha enteira. Neste libro a protagonista dáse conta  disto cando corta co seu marido despois de 30 anos. Ela sente que unha parte da súa vida perdeuse, debido a que sempre viviu para o disfrute e comodidade do seu marido. Non vía que fora del había outra vida na que ela podía ser a protagonista.
Deste libro quédome con frases como “o racional non sempre é lóxico”. Con esta frase eu entendo que non sempre temos que facer o que unha maioria faría, ou o que unha sociedade nos pide, porque moitas veces iso non é o mellor para nós e  para os nosos sentimentos. Encontrei nunha parte da novela estas palabras “ Quizáis tamén a el lle gustaría ese sombreiro, ese vestido, mais o certo é que mentres estiveron xuntos ela a tanto nunca se atreveu, nin tanto el nunca esperou (…) estaba guapa, aínda non tiña conciencia de poñerse guapa para el. Tampouco para ela. Simplemente sentíase ben así vestida. Fermosa como unha muller fermosa que se sabe hoxe fermosa”. Aquí sacamos en limpo que o importante é sentirse ben e cómodo contigo mesmo, e que ninguén te pode xulgar pola túa apariencia. Non tes a obriga de poñerte guapa para alguén, poste para ti mesma.
En conclusión, recomendo moitísimo este libro xa que en cada frase esconde ideas de como nos automanipulamos ou nos manipulan os roles da sociedade.