ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

05/03/16

Matarte lentamente


Comentario de Telmo García Castro



Matarte lentamente
Diego Ameixeiras
Xerais
 
 
 
Esta novela de Diego Ameixeiras gustoume máis que a outra que lin deste mesmo autor: Historias de Oregón. A anterior obra resultoume un pouco difícil porque era a primeira vez que lía unha narración-puzzle tan complexa e custábame seguir esta técnica narrativa. Pero con esta novela non tiven xa eses inconvenintes e podo dicir que gustoume lela. Resultoume moi entretida e enlazar as diferentes pezas da historia, encantoume. Será porque este estilo tan peculiar de Ameixeiras vaite enganchando e ademais a experiencia  na lectura  sempre é un grao.

O título da obra está sacado dunhas palabras que di a personaxe de Nuria  no capítulo corenta e un, tras saber que a súa parella, Marcos,  violara facía 5 anos a unha camareira chamada Pilar. Con elas supoño que o autor quería referirse ao odio e a vinganza como sentimentos humanos.
Precisamente a violencia é unha silandeira presenza nesta obra.

Impactoume moito a historia de Daniela, esa pobre rapaza que intenta saldar as débedas do seu irmán, facendo de bolera para os narcos e que acaba morrendo por unha sobredose ao rompérselle unha das cincuenta pebidas de cocaína que levaba no estómago.
A súa historia paréceme terrible. A súa violación cando xa é un cadáver por Óscar, o “doce” narco que quere incriblemente adoptar un neno coa súa muller Ana, púxome os pelos de punta. Foi un momento da novela anoxante, pero que non che é indiferente ¡¡¡

Tamén é moi abraiante a historia de Ramón, un pai disposto a todo pola saúde do seu fillo. Este bo  home convértese nun violento asasino dun ruín e desprezábel banqueiro. O amor profundo lévao a ser unha persoa  violenta, pero penso que  o fin non xustifica os medios. Esta personaxe está moi ben descrita e gustoume e vai na liña violenta da que estou a falar.

Son moitas as historias que se encerellan nesta novela e toda esta tea de narracións creo que é unha característica moi propia da novela negra que estudamos nesta avaliación.
Eu ,sen dúbida,  quédome encantado con Matarte lentamente, unha novela moi negra, ben escrita e pensada , e  moi ben estruturada.
 

Sen comentarios