ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

27/02/16

Historias de Oregón



Comentario de Francisco Rodríguez


Diego Ameixeiras
Historias de Oregón
Xerais




Este é o segundo libro que leo de Diego Ameixeiras e, por desgraza, debo dicir que non me deixou tan bo sabor de boca coma o fixera a novela "A noite enriba". Por ese máxico sabor que Diego me deixara anteriormente creo que tiña demasiadas expectativas postas nesta novela negra e a historia non chegou a acadalas todas coma eu previra.
Eu definiría a este libro coma un gran puzzle xa que cada capítulo semellaba ser unha peziña, que á súa vez non encaixaba coa peza anterior polo que tiñas que ir encaixándoas ti mesmo a medida que avanzaba a trama. Este feito provocaba que, se querías ler unha historia toda seguida, debías saltar dous ou tres capítulos ata que chegabas outra vez a outra peziña que encaixara coa historia que estabas a ler. Esta sucesión tan continuada de capítulos dificultoume bastante a lectura, xa que fixo que o libro se me fixese interminábel pese a non ter excesivas páxinas. Debo confesar que contaba con que, no final do libro, todas as historias se entrelazarían como xa ocorreu noutros libros que lera anteriormente, pero non foi así xa que durante toda a novela o único trazo común entre as distintas historias foi que todas desenvólvense na cidade ficticia de Oregón.
Pese a isto houbo unha historia que me gustou especialmente, esta foi a da vida dunha enorme muller, de Aurora P.G. Pero non é unha muller cunha vida normal senón que sofre un dos peores virus que sofren as mulleres, e que por desgraza aínda non somos quen de eliminar, de eliminar a eses desalmados que maltratan as "mulleres das súas vidas". Esta historia emocionoume especialmente, xa que os sentimentos que exterioriza Aurora son incribles, ese medo que sente co simple feito de que o seu marido entre na casa pareceme algo que ninguén debería sentir nunca nesta vida. Esa impotencia coa que durme na alfombra porque sabe que se se pon na cama el vaina botar. Ese alivio que sente cando xa acabou todo pareceume un sentimento que penso que é imprescindible nestas persoas que sofren esta situación pero non me pereceu ben como Aurora conségueo e desfaise do problema, porque aínda que ó mellor parece que non hai outra opción, paréceme incrible como deben estar as mulleres maltratadas para cobrarlle o maior prezo posible a ese home que tanto as oprimiu. Pareceme unha gran historia, que deberían ler os rapaces que se están formando para aprender claramente o que NON se debe facer en ningún caso, e as rapazas, tamén en formación, pero desta vez para aprenderlle que ningunha muller merece ser oprimida polo que teñen que elevarse e loitar contra o problema sen necesidade de chegar ó extremo que pon no final da historia.
Outro feito que me pareceu interesante e curioso foi a ausencia total, durante toda a trama, de apelidos completos xa que todos os personaxes aparecen só coas iniciais destes.
Á súa vez tamén se pode observar gran cantidade de acción durante todas as historias o que me gusta moito nun libro deste tipo, coma ocorre na trama dos gardabosques, que está rebosante de acción. Este foi un feito que contrarrestou un pouco coa dificultade de lectura que ofrece a alternancia de capítulos, xa que a abundante acción enganchábache á trama independentemente da historia na que estiveras, o que penso que é un feito que todo autor busca cando escribe unha novela coma esta.
 

Sen comentarios