ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

05/05/14

Penúltimas tendencias

Comentario de David Cabaleiro


Penúltimas tendencias
Carlos Negro
Xerais
 
 
 
Uns versos de verdade, sobre a hipocrisía dun universo pintado en rosa, encadeado a modas absurdas e, sobre todo, cunha guerra de sexos constante e desequilibrada.

Aínda que esta obra estea dirixida principalmente á rama adolescente feminina, e que tendamos a considerar á poesía como a curmá esquecida e obsoleta da prosa, gustoume en cantidade. Pese á súa brevidade, é veraz e realista, concepto bastante esquecido na sociedade actual. A escravitude da muller é algo que debe rematar, e para iso fan falta emprendedores como o é este libro, concibido con moita cabeza e corazón por Carlos Negro.

Rabia, descaro e ironía mestúranse en perfecta harmonía, botando abaixo todos os muros de prexuízos que nos inculcan dende pequenos, dos estándares de beleza e comportamento, do fashion, do cool, do sexy… Ademais, tamén aborda nas relacións sentimentais, nas que se esixe en todo momento a presenza dunha muller obxecto, sempre divina e aturando beizos que desbordan babas de superficialidade.
Pero no tocante á discriminación da muller vaise moito máis aló, dende os edulcorados Disney ata os ridículos consultorios sentimentais, que se estenden por todos os medios de comunicación coma un virus incontrolable. Estes non fan outra cousa que amosarnos un prototipo moldeado de arxila e silicona que cremos envexar, que cremos querer ser, aínda que non reflexe nada máis que unha pantasma nun espello. A perfección é algo inalcanzable, e por iso se soe empregar coma unha arma cruel para destruír a autoestima e crear complexos e inseguridade nun ser perfecto por si mesmo, sen necesidade de converterse nunha barbie totalmente irreal.

Sobre todo, gustáronme os poemas pertencentes a A que sabe o amor?, facendo un especial énfase na curiosa musicalidade de Tatuaxe, Fóra de onda, Chica out e moitos outros coma o seguinte:

Pediume un bico.
-sóubome a lixivia-
Intentou tocarme.
-ortigaba cos dedos-
Díxenlle a verdade
-mellor que pares-

Con estes versos, o autor utiliza como modelo o xogo Verdade, bico ou atrevemento para denunciar o concepto ilóxico e inaceptable dunha muller sumisa, alentar as ansias de liberdade e poder crer nun futuro con igualdade.

Recoméndolle este libro a todo o sector feminino, aínda que tamén podería chegar a ter un grande impacto na conciencia masculina, pero principalmente a todo aquel con ganas de, como enuncia o autor, “romper as costuras do silencio”.

Sen comentarios