ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

04/05/14

Makinaria



Comentario de David Cabaleiro


Makinaria
Carlos Negro

Xerais

Despois de ler con moita satisfacción Penúltimas tendencias, e pensando que xa nada me podía sorprender, atópome con este fantástico libro, outra gran obra mestra do escritor lalinense Carlos Negro.

Makinaria é un libro algo complicado de describir, pero tentarei atopar as palabras axeitadas. É felicidade inexplicable ao lelo, unha melodía oculta tras as palabras, unha carreira poética a todo gas… Makinaria é a mellor maneira de advertir a todos os que cren ter a situación baixo control, aos que beben e queren apoderarse do volante, aos fachendosos blindados de coiro e aos que cren ver a meta nunha morte segura. Ademais, a través dunha clara estrutura presentación-nó-desenlace podemos chegar a ver certos rasgos narrativos ocultos tras uns versos perfectos. Así, ao ritmo de Born to run de Bruce Springsteen comeza un traxecto cargado de perigos que, mediante interesantes e amenas alusións ao cine, á música e aos videoxogos desemboca nun final que certamente impresiona.   
Pero que mellor maneira de coñecer un libro que mergullarse nel?

Sobre todo, quero facer unha especial énfase nos poemas que máis me gustaron, sendo estes Power Racing Love, e as súa curiosas referencias ao sexo; Sound Play Session Vol. 1, un rap de verdade; Autopsia, un auténtico berro ás  ganas de vivir; e No Way, que fala da sobreprotección duns pais que unicamente queren que cheguemos a ver a luz do día de mañá.

Malia que aínda non sexa o meu turno ao volante, penso recordar moi ben estes versos nun futuro, cousa que lle agradezo de todo corazón ao autor.

A miña recomendación vai dirixida a todos aos que lles gusta queimar roda, acelerar, derrapar… aos que lles gusta vivir a vida ao límite, respirando adrenalina, a través dun retrovisor… a miña recomendación vai para ti, que vas polo mundo cun pano, a cegas, sen ver máis aló dos lentes de sol.

3 comentarios:

Unknown dixo...


Un magnífico texto!
Marga do Val

Ronsel dixo...

Grazas Marga por achegarte a esta fiestra.

Carlos Negro dixo...

Grazas, David, causa moita emoción atopar lectores capaces de expresar tanto e tan ben!

Agradézocho de corazón.