ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

25/05/14

Makinaria


Comentario de Mariña Castro


Makinaria
Carlos Negro
Xerais



Esta obra cun certo aire de rap e ritmo trepidante lévanos a cen por hora de paseo pola realidade. 
Cando te somerxes nel respiras a euforia, o perigo, un futuro tintado das cores das flores dunha tumba doutro rapaz máis  derrotado polo motor.
Un drama de sangue e chatarra que nos fai testemuñas do desexo de sentir a velocidade, da anguria duns pais que senten que esta vez o rapaz se pasou de veloz, vendo esvaecerse a un fillo que perderan xa hai moito tempo, corrompido de adrenalina. Ese mozo que vivía inseguro, que facía da excitación unha relixión, medicina para a mente, que non contaba con ninguén, incomprendido, quería escapar, fuxir, ir raudo para estar a salvo, para non ter que pensar no futuro... 
E finalmente conseguiuno.

Se contas cun pouquiño de empatía, estes poemas encolleranche o corazón, (pois ninguén está a salvo de perecer na xungla de asfalto) e non só percibirás a actitude veloz e suicida. 
Percibín como motor desta obra a un rapaz desesperado con carrocería de macarra.  Escondéndose baixo as tatuaxes, baixo un teito para cubrir as carencias, baixo unha actitude nociva. Tal vez se todo fora máis de vagar... Se a rutina non devorara... Se medrar non fose tan duro e as malas compañías tan atraentes... 

Atrévete a probar este libro de incrible potencia .

1 comentario:

Carlos Negro dixo...

Que ben escribes, Mariña!
Unha vez máis, parabéns pola lucidez analítica e a forza da linguaxe.