ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

05/01/14

Casa atlántica, casa cabaret

Comentario de Sonia Troitiño Loureiro


Casa atlántica, casa cabaret
María Lado
Xerais




Este libro resultoume realmente peculiar. En primeiro lugar, debo resaltar o título tan a simple vista estraño deste libro, "casa atlántica, casa cabaret". Foi algo que me sorprendeu nun primeiro momento xa que non conseguía adiviñar que historia me depararía a miña lectura pero foi máis tarde cando puiden descubrir o que se atopaba tras esas palabras e en verdade, sorprendeume. Nunca imaxinei que o simple feito de relatar unha mudanza se puidese facer dunha maneira tan singular, dándolle unha especial importancia a aquelas cousas que, aínda que ás veces non nos deamos de conta, son as que realmente o teñen. Ademais, cóntao dunha maneira moi característica, empregando unha maneira de redactar que ao comezo fixo que a miña lectura fose máis custosa pero que pronto vin nela unha maneira tan singular como sorprendente de relatar unha historia. Outra das cousas que tamén me sorprendeu foi o feito de empregar, case na maioría das veces, unicamente a folla da dereita para plasmar o texto, algo que me agradou realmente. Nel, emprégase cada unha das follas para conformar unha especie de capítulo no que se falará dunha desas cousas que agora, tras un cambio de fogar, xa non serán coma antes aínda que en verdade sexan as mesmas.
Ademais, outra das cousas que debo resaltar son algunhas das frases que a autora, María Lado, emprega e que me resultaron moi fermosas e curiosas. Tales como: "sei que os amigos son como almorzar sopas con cacao, están as cousas da casa todas mirando como se enche a tarde de café, ou porque non é un lugar a casa, é un sentimento".
Este foi un libro que me gustou moito, paréceme diferente e único e consegue que moitas veces me sinta identificada con moitas das cousas que di. Baixo o meu punto de vista, paréceme un libro moi relaxante e cunha sinxela e entretida lectura. Neste caso non só ten importancia o que se di, senón tamén como se di. Recursos como escribir varias palabras sen espazos entre elas ,escribir algunhas en maiúscula, non empregar comas ou non manter unha estrutura fixa son elementos que aumentan aínda máis o interese deste libro.
Para rematar, dicir que recomendo este libro a todos e cada un dos lectores sen excepción que queiran pasar un bo momento ao carón dun libro. 

as fotografías é sempre o que máis marca deixa
o erro está no adhesivo que lle aplicamos para fixalas a nós
está ben para grandes familias
pero demasiado concentrado para unha celebración de amigos
ou un grupo literario
despois deixan este pouso     marcando as nosas paredes
papá     meu pai estaba aprendendo a pai
¿tírasme unha foto?    e tirouma
e agora é a que queda gardando a parede do frío
está máis bonita así que se ve mellor     dis
pero os ocos limpos saben que non é certo
tampouco para ti     e falan
    entraba a luz pola fiestra da cociña    fóra
                               un anaquiño de xardín
                               a tarde
                               o primeiro vran
    na cara o amor do filtro dunha fiestra de madeira
tes razón    mellor así    a min tampouco me gustaban
o peor é    que o deixan todo marcado
    e eu resistindo na miña tarde de sol eterna
¿e se temos unha fiestra tamén de madeira por que
non entra fermosa a luz filtrada a borrar os pousos
e facer calar as paredes da cociña?
será porque doen os contornos das cousas que se quixeron
papá    ¿tírasme unha foto?
e vén    e tirouma    e agora a nosa victoria son dúas fotos
resistindo entre os nosos crimes escritos na parede sen sol
santiago inxusto                                         sempre cuberto

Sen comentarios