ESTA É A PÁXINA EXCLUSIVA DAQUEL ALUMNADO QUE QUERE COMENTAR, OPINAR E REFLEXIONAR SOBRE AS SÚAS LECTURAS.
UN RECUNCHO FEITO POR E PARA EL.

19/02/13

Un dedo manchado de tinta

Comentario de Paula Gamallo


Un dedo manchado de tinta
Manuel Portas
Xerais




A miña crítica cara a este libro é bastante variada, aínda así, quizais non poida estenderme demasiado. É unha desas obras nas que para dicir o esencial, precisas demasiadas cousas. Na miña opinión estes seis contos ou historias teñen un vínculo en común, e non me refiro a que todas teñen a cidade de Santiago como fondo senón algo máis sinxelo e elemental como é a realidade mesma, a realidade da inxustiza e da inmoralidade da sociedade.
A simple vista, a obra preséntase como un conxunto de vidas inconexas que, a medida que nos imos somerxendo na lectura, van cobrando sentido e orientación entre si. É certo que o final resulta inesperado e incluso orixinal pero, baixo o meu humilde punto de vista e baseándome no gran extensión do libro, opino que  foi un pouco decepcionante.
Realmente a mensaxe que tenta transmitir o autor é moi boa: “ a casualidade non é casualidade” , o xeito de unir aos personaxes, poderíamos falar incluso dunha mesma historia dende diferentes perspectivas, unicamente para amosar a vida mesma: o sentimento humano, a loita dos máis débiles por aqueles que abusan do seu poder, os malentendidos coas súas consecuencias prexudiciais, as inxustizas… todas esas deformidades das que carece a sociedade e que están aí, diante dos nosos ollos, nada máis saír a rúa podemos atopar miles, millóns de relatos interesantes que contar.
Supoño que Portas pretendía plasmar estes feitos dun xeito orixinal e diferente, baseándose na idea de que as historias máis interesantes e sedutoras as podemos ter nun simple chasqueo de dedos ao noso redor. Quizais a súa intención fora boa pero considero que debería estruturala e expresala dunha forma máis sinxela e comprensible, dado que moitos lectores non aprecian este tipo de composicións.
Antes de rematar, debo dicir que aínda que non acabase de convencerme a totalidade da obra, algún dos contos captou moito o meu interese.
 

Sen comentarios